O 27 de setembro celebrarase en Camariñas outra  ‘Andaina por Ataxia de Friedreich’ para recadar fondos

1 minutes read

O Concello de Camariñas fai un chamamento á solidariedade de toda a veciñanza para participar na ‘Andaina por Ataxia de Friedreich’, un evento benéfico que terá lugar o vindeiro domingo 27 de setembro e que ten o obxectivo de recadar fondos para axudar a financiar as terapias necesarias do camariñán Juan Pérez González.

Baixo o lema «Camiñamos xuntos, chegamos máis lonxe» a marcha, pensada para gozar en familia e apta para todas as idades, arrincará ás 12:00 horas da mañá. O punto de saída estará situado no paseo da Ponte do Porto e o percorrido discorrerá por todo o paseo ata chegar á meta no Carballo de Cereixo. Unha ruta fermosa e accesible para pasar a mañá do domingo facendo deporte por unha boa causa.

Para recadar os fondos destinados ás terapias de Juan, a organización puxo á venda unhas camisetas solidarias que teñen un prezo de 7 euros. Todas as persoas que desexen anotarse para participar na andaina e/ou adquirir a súa camiseta para colaborar coa causa, poden facelo poñéndose en contacto a través do número de teléfono móbil 697 82 85 80.

Dende o Concello de Camariñas, que apoia e colabora con esta iniciativa da Asociación Con Ataxia Pero Sin Límites, anímase a toda a veciñanza do municipio e de toda a Costa da Morte a sumarse a esta xornada, demostrando unha vez máis a calidade humana e a inmensa solidariedade que caracteriza á nosa comarca.