O 28 FIOT de Carballo exhibe 39 espectáculos durante máis dun mes

1 minutes read
  • O certame obtivo 50.000 euros como un dos seis encontros escénicos subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic para festivais profesionais.

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou este mércores a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. A Xunta de Galicia apoia economicamente o encontro cunha dotación de 50.000 euros outorgada a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais.

O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu na tarde deste mércores a presentación da que se reafirma como unha das citas máis relevantes da temporada teatral galega, e que chega á súa nova entrega despois de ter recibido o último Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia ao seu labor de excelencia na difusión teatral. O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou no acto, que contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal e no que tamén interviñeron Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT; e os distintos representantes do resto das institucións e entidades implicadas.

Jacobo Sutil, Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo, na presentación da 28 edición do FIOT.