O 32,7% dos galegos prefire internet para solicitar cita médica


O 32,7% da cidadanía galega empregou o pasado ano a Internet para solicitar unha cita nun centro de saúde da rede de atención primaria do Sergas, unha porcentaxe superior en algo máis de 5 puntos porcentuais á da media do resto de España, onde o emprego do sistema de citas a través da rede telemática é do 27,6%. Así se desprende dos datos do Barómetro sanitario correspondente ao ano 2018 publicado polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.

O 45% da cidadanía galega enquisada refire que emprego o teléfono para solicitar unha cita co seu médico de cabeceira, mentres que un 19% dos galegos a solicitou de forma presencial, acudindo directamente ao seu centro de saúde (a nivel nacional, esta porcentaxe sitúase no 25,3%).

Segundo o datos do Barómetro sanitario, o 17% dos enquisados en Galicia (16,2% na media do SNS) manifesta que foron atendidos polo seu médico de cabeceira o mesmo día que pediron a cita; un 50% refire que foi atendido ao día seguinte (en España a media é do 31,3%) e un 28% di que pasou máis dun día (a nivel nacional, a media sitúase no 46,1%). Máis da metade, en concreto o 51,2% indica que lle pareceu ben que o atenderan o día en que lle deron a cita (a nivel nacional, a media é do 32,9%), mentres que un 48,8% houbese preferido que fose antes. No resto de España esta porcentaxe sitúase no 66,1%.

A meirande parte da cidadanía galega que participou o pasado ano na enquisa do Barómetro sanitario destaca que puido participar, tanto como o desexou, nas decisións, no ámbito da atención primaria, sobre o seu problema de saúde e o seu tratamento. En concreto, esta porcentaxe sitúase no 81,2%, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Estado; e o 90,6% subliña que o profesional sanitario de atención primaria (en concreto, o seu médico de cabeceira) deulle a oportunidade de facer preguntas ou de formular preocupacións. Tamén é valorado cun notable o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario (7,49 puntos sobre 10) e a información recibida polo paciente sobre o seu problema de saúde (7,56 sobre 10).