O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, clausurou este sábado o 4º Congreso do PSdeG da Coruña, no que deu o relevo á fronte da secretaría xeral a Bernardo Fernández e á nova executiva, ratificada co 95,24 por cento dos votos. González Formoso chamou a relevar ao presidente da Xunta “por inoperancia” logo de constatar a súa “renuncia á defensa dos intereses dos galegos e das galegas para ser oposición ao goberno do Estado en lugar de ser presidente do noso país”. Sinalou así a súa estratexia de “poñer paus nas rodas” da reforma laboral, da actualización das pensións, a Lei de FP ou entorpecer os bonos de alugueiro para os mozos e mozas.
O novo secretario provincial, Bernardo Fernández, asumiu a dirección provincial co obxectivo de “reforzar e fortalecer o partido de cara ás eleccións municipais” previstas nun prazo de 16 meses. Chamou a “inundar de socialismo ás vilas e cidades de Galicia” e conformar o “piar da vitoria de Valentín González Formoso nas eleccións autonómicas de 2024 e superar os “anos de retroceso e de parálise do PP”.