O 8 de Marzo entregaranse as Medallas Emilia Pardo Bazán


A Xunta celebrará a cerimonia de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán, que na última edición recoñeceron a Megumi Shiozawa —a título póstumo—, á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e á Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, nun acto previsto este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

A proposta é celebrar o acto de entrega nos xardíns do Pazo de Meirás, recentemente recuperado, polo seu simbolismo e a vinculación do mesmo coa escritora Emilia Pardo Bazán que dá nome aos galardóns e loitou pola igualdade nos seus tempos. Para iso, solicitouse ao Goberno central o uso das instalacións para a celebración da cerimonia.

Con esta iniciativa, preténdese enxalzar o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade. A coincidencia da entrega na data na que se conmemora o Día Internacional da Muller non persegue máis que facer énfase nese recoñecemento.