- Por primeira vez, o Vimiverán realízase en diferentes parroquias do municipio, atendendo ás peticións
O Concello de Vimianzo posibilita a conciliación familiar a través do Vimiverán, un programa con actividades dirixidas aos nenos e nenas do municipio que se celebrará ao longo dos meses da tempada estival. Para garantir a seguridade dos cativos ante a crise sanitaria, a iniciativa divídese en catro quendas, das que xa se está a levar a cabo a primeira. Polo de agora xa hai cubertas un 80% das prazas ofertadas.
“Moitas familias transmitíronnos a súa preocupación pola conciliación ante a crise sanitaria, na que moitas actividades infantís quedaron canceladas”, explica a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. “Co Vimiverán ofrecemos unha posibilidade para conciliar, na que os nenos aprenden xogando, e que conta coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos nenos ante a pandemia”, concluíu.
A actividade, que oferta un total de 100 prazas, dividirase en quendas co obxectivo de adaptarse aos tempos actuais nos que garantir a saúde dos pequenos e pequenas é chave. Actualmente estase a levar a cabo a primeira quenda (do 1 ao 17 de xullo), e as próximas desenvolveranse do 20 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto. A iniciativa realízase de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. Por primeira vez, o Vimiverán realízase en diferentes parroquias do municipio, atendendo ás peticións. Esta primeira rolda está a facerse en Vimianzo e Baíñas.