O abastecemento de auga, principal tema tratado no Consello Parroquial de Oza

2 minutes read
  • A mellora da seguridade viaria foi outra demanda reiterada por parte da veciñanza

O Consello Parroquial de Oza era, ata este pasado martes, o menos numeroso dos 16 que están a funcionar no concello de Carballo. Corenta persoas asistiron á xuntanza movidas por un interese común: a extensión do abastecemento de auga a todos os lugares da parroquia.

A maior parte do territorio xa quedará cuberto co proxecto que está en execución nestes momentos para levar o servizo ata Razo, e, segundo informou o alcalde Evencio Ferrero na mesma reunión, de cara aos orzamentos do ano que vén está previsto incluír a ampliación ata Serantes e dende ese punto ata Xoane (Goiáns). O proxecto estará listo este mesmo mes. Así mesmo, Ferrero comentou que tamén se está a elaborar un proxecto para Vilar de Uz, co cal quedaría cuberta toda a parroquia de Oza.

Ante a intervención dun dos membros do consello partidario de apostar polas traídas veciñais en vez de investir en redes públicas de abastecemento, o alcalde declarou que o goberno municipal traballa para estender as redes públicas “a todos os lugares posibles”, pero unha traída que abasteza a 50 persoas precisa controis diarios, “e sería inviable”, engadiu.

A outra gran preocupación da veciñanza de Oza é a seguridade viaria. Nese sentido volveuse a insistir para que dende o Concello de Carballo se fagan as xestións pertinentes ante a Deputación da Coruña, titular da vía Carballo-Razo. O alcalde apuntou que existe un primeiro compromiso para cambiar a situación dos pasos de peóns para alonxalos das curvas e facelos, en consecuencia, máis seguros, e dixo que se seguirá insistindo na necesidade de lombos para reducir a velocidade dos vehículos así coma na construción de beirarrúas.

Tamén se falou sobre orzamentos participativos, e os representantes de todos os grupos políticos opinaron ao respecto: Paula Nogueira, do PP; Mari Carmen Vila, do PSOE, e José Bello, de TeGa, ademais do alcalde.