- Este sábado, ás 11:00 horas, izaranse as bandeiras azuis nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal
No concello de Carballo, a fonte de Razo xa parece outra grazas ás intervencións que realizaron durante os últimos días os operarios do servizo de limpeza viaria. Unhas actuacións encamiñadas a poñer en valor o conxunto etnográfico existente no Rego de Oza e que comezaron coa limpeza e o lavado de todos os elementos que o integran, a retirada de vexetación e o acondicionamento e pintado da parede. Tamén está prevista a restauración do mural de barro que decora o espazo.
Estas actuacións amplíanse a toda a costa. Deste xeito, ademais da renovación da sinalización que está a acometer a Concellaría de Seguridade, dende as áreas de Servizos e Medio Ambiente estase a traballar na posta a punto do mobiliario urbano e dos espazos públicos. Mentres continúan os traballos de limpeza nas praias, os operarios de Aspaber están reparando e substituíndo bancos, fontes e papeleiras por todo o litoral ademais de incrementar a frecuencia da limpeza viaria, que nestes momentos se realiza dúas veces á semana e unha nas beirarrúas.
«A posta en valor da nosa costa é un obxectivo permanente, sempre cunha perspectiva sustentable», destacan desde o Goberno local. Nesta liña, este mércores presentáronse as actividades medioambientais incluídas no programa “Eu quero Razo-Baldaio”, que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto. A primeira proposta, para esta fin de semana, é “Descubre as pegadas e os indicios nos camiños”, para o achegamento básico ás especies máis salientables da fauna autóctona carballesa. As inscricións poden realizarse aquí.
Bandeiras azuis
Este sábado, ás 11:00 horas, o concelleiro de Medio Ambiente e o equipo de salvamento e socorrismo izarán os distintivos da bandeira azul nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal.