O acusado contou que antes dos feitos que se xulgan estivo consumindo alcol coa súa parella durante 14 horas seguidas, e dixo que “do que se me acusa declárome inocente”.
Contra a unha e media da mañá, dixo, decidiron coller o coche e marchar para a casa. Engadiu que foran todo o camiño discutindo, botándose en cara o moito que beberan, e que nun momento dado elevouse a tensión e que ela lle dera un golpe na cara coa man aberta.
Afirmou que freara e parara o coche diante da casa dunha veciña e que comezaran a golpearse no interior do vehículo e que el lle propinara golpes de moitos xeitos, seguramente tamén co puño pechado. Contou que despois dun tempo, a vítima abriu a porta do coche e que caeu para atrás.
El tamén baixou, dixo, e deulle dúas patadas no cu. Despois volveu subir ao automóbil e conduciu ata A Coruña. Chamou a súa irmá, pero non lle contestou ata as sete e media da mañá. Confesoulle que tivera unha forte discusión coa súa muller e que quería que o acompañase á policía para darlles conta dos feitos.
A Fiscalía acúsao dun delito de asasinato en grao de tentativa e pide 13 anos de cadea. A acusación particular eleva a pena aos 17 anos. Pola súa banda, a defensa desbota a intención de atentar contra a vida da vítima e solicita un ano de cadea por un delito de lesións agravadas.
O xoves 22 de febreiro, as partes presentarán as súas conclusións finais e o xuízo quedará visto para sentenza por un xurado popular.