Un xurado popular declarou culpable por unanimidade dun delito de asasinato con agravante de actuar por razóns de xénero e doutro de tenza ilícita de armas ao home que presuntamente matou de tres disparos no seu domicilio a súa muller no concello de Cabana de Bergantiños en 2018, onde se atopaban os seus fillos, despois de que esta supostamente lle comunicara que se quería divorciar. O xurado indicou que consideran probado, por unanimidade, que “o acusado deu tres disparos pola costas” a súa muller, “segundo probas achegadas por gardas civís e forenses” e que ela “non tivo posibilidade de defensa”. Consideran non probada “a atenuante de embriaguez”, pois “non tiña diminuídas as súas capacidades físicas e mentais” e “era consciente do que fixera”. A acusación particular e a Fiscalía solicitan para o acusado 28 anos e medio de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía, coa agravante de actuar por razóns de xénero, e outro de tenza ilícita de armas curtas introducidas ilegalmente en España. No seu escrito de cualificación, o fiscal demandaba 25 anos e medio, pero elevou a pena dous anos e medio ao rexeitar finalmente a atenuante de embriaguez. Pola súa banda, a defensa manifestaba que se trataba dun delito de homicidio. O acusado alegou na súa declaración que lle disparou “nun arrebato repentino” mentres discutían, negando que a maltratara.
24