O aeroporto compostelán da Lavacolla permanecerá pechado entre o 23 de abril e o 27 de maio para renovar por completo a súa pista, que non se actualizaba desde o ano 2008. As obras obrigarán a reorganizar temporalmente o tráfico aéreo en Galicia. A meirante parte dos desvíos faranse á terminal da Coruña, o aeroporto de Alvedro é o máis beneficiado polo peche, xa que absorberá gran parte do tráfico da Lavacolla durante os 35 días que permanecerá sen servizo. Alén do pavimento da pista, renovaranse os sistemas de axudas á aterraxe en condicións de baixa visibilidade. Para facer fronte ao novo fluxo de pasaxeiros, Alvedro aumentará en 700 as prazas de aparcamento, engadidas ás 1.200 actuais e con autobús lanzadeira gratuíto, e habilitará unha nova entrada na terminal e unha porta de embarque e outra de desembarque adicionais. Tamén ofrecerá 60 novas prazas de aparcamento para vehículos de alugueiro, aumentará a capacidade para o servizo de taxi e ampliará a capacidade para restauración. Aena realizou, durante os últimos meses, as comunicacións pertinentes sobre os peches ás compañías aéreas, os axentes que operan no aeroporto e as administracións e institucións locais, e está a traballar con eles analizando o impacto do proxecto, para así coordinar de maneira eficiente o desenvolvemento das actuacións.