- A Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo celebrará o próximo mes de marzo o seu quinto aniversario
Coincidindo coa ampliación do cadro de persoal tras a recente incorporación dunha nova funcionaria, o secretario xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia, Odilio Fernández Losada, realizou este mércores unha visita á Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero.
O servizo cumprirá o seu quinto aniversario o 20 de marzo do próximo ano e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade «moi elevada», destacan desde o Concello. De feito, entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2020 foron tramitados máis de 50.000 documentos.
Tanto o responsable da Policía coma o alcalde destacaron unha vez máis o bo funcionamento e a excelente acollida que tivo o servizo. A maior parte das persoas que o utilizan son veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, pero a oficina de Carballo xa «é un punto de referencia a nivel supracomarcal».
A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas. As persoas que precisen tramitar o DNI ou pasaporte poden pedir cita telematicamente dende a páxina www.citapreviadnie.es ou de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa da Casa do Concello.