O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse na sede da institución provincial co alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil.
Pereira trasladou ao presidente a petición do goberno municipal de acometer un proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 0702 de Ceilán a Lañas. «Trátase da única estrada da Deputación na Baña. Un vial que atravesa unha parte importante do municipio e que precisaría ser ampliada para garantir unha circulación máis segura, así como dotala dunha senda peonil ou beirarrúas, xa que os veciños carecen a día de hoxe dun paso para poder camiñar con seguridade pola marxe da calzada».
O alcalde e o presidente supervisaron os planos do percorrido da estrada, que atravesa distintos núcleos rurais do municipio. Valentín González Formoso comprometeuse a estudar a petición do alcalde e encargará a súa valoración técnica ao servizo provincial de Vías e Obras.