O alcalde da Laracha recibiu en Caión á expedición do programa de intercambio xuvenil con Venecia e Xeorxia

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, presidiu este xoves a recepción oficial aos participantes venecianos e xeorxianos do programa de intercambio xuvenil que estes días se atopa en Galicia, nun acto celebrado no Centro Sociocomunitario de Caión.

No encontro, ao que tamén asistiu unha ampla representación de concelleiros do grupo de goberno municipal, o rexedor deu a benvida á expedición e puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas que fomentan o coñecemento mutuo entre países, o intercambio cultural e a participación activa da mocidade en proxectos europeos.

José Manuel López Varela xa visitara o pasado martes o Parlamento de Galicia con este mesmo grupo, formado por venecianos que son alumnos do Il Polo Tecnico Profesionale di Venezia “Vendramin Corner”, e por membros do Centro de Lengua y Cultura Española “Abanico” de Tiflis, a capital de Xeorxia. A visita enmárcase na segunda fase do programa de intercambio que no pasado verán permitiu a mozos laracheses desprazarse a ambos destinos.

Durante a recepción de hoxe foi proxectado un vídeo promocional do Concello da Laracha consistente nun percorrido polo termo municipal co obxectivo de que os visitantes puidesen coñecer mellor o territorio, a súa contorna natural, os núcleos de poboación, o tecido económico e os principais recursos turísticos do municipio.

A expedición continuará ata o sábado coa súa programación en Galicia, visitando outros puntos de interese cultural e institucional antes de emprender a viaxe de regreso aos seus países de orixe.

Este programa, no que participan os Concellos da Laracha, Rois e Tordoia, forma parte da aposta municipal pola mobilidade xuvenil e a cooperación internacional.

Related posts

A Deputación destina 30.000 euros para o mantemento da Unidade de Condutas Aditivas de Carballo

Máis 110 actuacións en Galicia levadas a cabo por COGAMI en accesibilidade

O BNG denuncia que a Xunta do ‘segue a ter no abandono e sen solucións’ o sector marisqueiro en Camariñas