O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado por concelleiros do grupo de goberno, mantivo unha reunión cos directores dos tres centros de educación infantil e primaria do termo municipal –CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión- que iniciarán o curso escolar o vindeiro día 10 de setembro.
O motivo principal da xuntanza foi revisar todas as cuestións que afectan á coordinación entre o Concello e os colexios, centradas neste ano especialmente nos protocolos de actuación establecidos polas autoridades sanitarias para previr a Covid-19. Tal e como se informou recentemente, o Concello da Laracha incrementará nun 25% o gasto do servizo de limpeza para adaptarse á nova normativa realizando, canda menos, tres desinfeccións dos aseos a diario e durante o horario lectivo, ademais de reforzar a limpeza nas superficies de uso frecuente (pasamáns, pomos de portas, mesas, mobles, etc.), nas zonas privadas do persoal do centro e nos postos de traballo compartidos (neste caso, en cada cambio de quenda).
Tamén se fixo na reunión un resumo das actuacións desenvolvidas polo Concello nos centros de ensino durante o verán para a súa posta a punto de acordo ás propostas formuladas polos propios equipos directivos.
De cara ao inicio dun curso escolar tan atípico como o que comezará a próxima semana, os representantes do Concello puxéronse a disposición dos directores dos colexios para continuar cooperando en todos os aspectos que se estimen oportunos para aumentar a seguridade tanto do alumnado como do profesorado e demais empregados dos centros de ensino.