José Manuel López Varela, e a edil de Promoción Económica, Rocío López, mantiveron unha reunión no Concello cos profesionais do sector do taxi á que se convidou a asistir a todos os titulares de licencias municipais.
Na xuntanza tratáronse cuestións relativas ao funcionamento do servizo e expuxéronse ideas para melloralo en beneficio tanto dos usuarios como dos profesionais do sector.
O rexedor municipal aproveitou o encontro para anunciar que en próximas datas se iniciarán as obras coas que se transformará a parada de taxis da Laracha para mellorar a accesibilidade nese ámbito. Actualmente as prazas de estacionamento están marcadas en diagonal entre a zona de circulación e unha beirarrúa dun metro de amplitude que dá acceso á praza do Concello. O proxecto contempla recolocalas para realizar o aparcamento en liña, gañándose así un espazo que permitirá ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual e separar a parada do ámbito de circulación. A obra será financiada integramente con fondos propios municipais.
Ademais, o Concello tamén creará unha nova marquesiña xunto á parada para aumentar a comodidade dos usuarios que agardan e tamén dos taxistas que atenden as chamadas telefónicas.
Este tipo de reunións realizaranse cunha periodicidade de catro meses co propósito de continuar mellorando o servizo.