O alcalde da Laracha solicita a ampliación do punto limpo

Visita da conselleira de Medio Ambiente ao punto limpo da Laracha._Arquivo.

  • Aproveitando a presenza de Ángeles Vázquez na Laracha para anunciar a resolución das axudas para a instalación de puntos limpos móbiles e de medidas para a implantación da fracción orgánica

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou na Laracha a resolución das axudas para a instalación de puntos limpos móbiles e promoción de medidas destinadas á implantación da fracción orgánica dos residuos urbanos, das que se beneficiarán unha trintena de entidades locais galegas que percibirán, en total, 824.195 euros.
Precisamente o Concello da Laracha foi un dos beneficiarios, cunha achega de preto de 40.000 euros para tres fins complementarios. Por unha parte, serán adquiridos os ancoraxes necesarios para a implantación do novo colector de residuos orgánicos (quinta fracción) nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén na urbanización Montes Claros de Cabovilaño.

Tamén serán adquiridos polo Concello recipientes e bolsas compostables que serán distribuídas nas vivendas. Por último, realizarase unha campaña explicativa, informativa e de sensibilización á poboación sobre o modo de emprego destes novos colectores e a importancia de separar os residuos.


Aproveitando a presenza da conselleira no punto limpo –o lugar escollido para realizar o anuncio-, os membros do goberno local da Laracha presentáronlle a proposta de ampliación das instalacións desa infraestrutura municipal. José Manuel López Varela considera que “o punto limpo funciona perfectamente baixo a xestión da concesionaria Aspaber, pero quédasenos pequeno” e precísase dun maior espazo para “crear novas zonas de acopio de plásticos de silo e invernadoiros, restos vexetais, composteiros, novos contedores de reciclaxe e espazo cuberto para os recipientes de papel-cartón”.
A actuación deseñada polo Concello da Laracha ten un orzamento duns 250.000 euros.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha