O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo, Pablo Cambón, mantiveron este mércores en Santiago de Compostela unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para trasladarlle de primeira man a preocupación existente no municipio polo proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia de Soandres.
Na reunión, o rexedor trasladou ademais á responsable autonómica o contido das alegacións que o Concello presentará nos próximos días dentro do procedemento administrativo en marcha, centradas principalmente na protección do patrimonio existente na contorna, no risco de posibles afeccións ao río Anllóns e nas molestias derivadas dos cheiros asociados á actividade prevista.
A conselleira informou aos representantes municipais de que a Xunta de Galicia está a tramitar este expediente co máximo rigor técnico e con todas as garantías administrativas, indicando que o proxecto continúa pendente da emisión dos preceptivos informes sectoriais por parte dos organismos competentes. Segundo explicou, a eventual viabilidade da iniciativa estará condicionada, en todo caso, ao cumprimento estrito da normativa vixente e á valoración de todas as afeccións recollidas durante a súa tramitación.
O Concello valora e agradece a disposición da Consellería para escoitar de maneira directa a posición municipal nun asunto que esperta unha importante preocupación social na Laracha e que para o Goberno local é prioritario.
O Executivo local reafirma a súa vontade de continuar defendendo os intereses do municipio e de esgotar todas as vías administrativas ao seu alcance para impedir que o proxecto da planta de biogás poida chegar a materializarse en Soandres.