- No fallo vese acreditado que o alcalde de Cerceda deu orde de iniciar unhas obras antes de adxudicalas.
O xulgado do Penal número 2 da Coruña condenou ao alcalde de Cerceda, José García Liñares, a un total de oito anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por cometer un delito de prevaricación nas obras de As Lagoas. Así se desprende da sentenza asinada o pasado 22 de xullo, á que tivo acceso o Ideal Gallego, na que tamén se pena con catro anos de inhabilitación ao arquitecto municipal, Antonio José Varela Mallo, como cooperador necesario do delito cometido por García Liñares, e a outros nove meses de suspensión no seu cargo no Concello de Cerceda por falsidade en certificado.
Para iso considera probas fidedignas as fotografías achegadas polo denunciante –José Francisco Santos Regueiro, líder do PP local– e tamén as realizadas por un notario, sobre as que non se pon en dúbida a veracidade das datas, anteriores á licitación das obras. Nelas “obsérvase claramente” que hai “escavacións de forma circular que corresponden ao lugar no que ían facerse as dúas lagoas” e non “pequenas drenaxes”.