Juan Manuel Rodríguez, esixe a través dunha misiva dirixida á Conselleira de Economía, Industria e Innovación, o “mesmo trato” que dispensa para outros municipios galegos no que se refire á transición industrial verde.
No caso do Concello das Pontes, están neste momento vivindo a fase do predesmantelamento da central térmica. Dende tempo recente, conta cunha mesa de impulso á actividade económica, onde o ente autonómico se senta con representantes do Instituto de Transición Xusta, organismo autónomo do Ministerio de Transición Ecolóxica; Xunta; Concello das Pontes, sindicatos CIG, CCOO e UGT;ademais das asociacións empresariais Searae Cohempo.
En canto a Cerceda, é un dos concellos incluídos no convenio de transición xusta de Meirama, impulsado polo Goberno Central. Tamén están Carral, Laracha, Ordes e Tordoia.
O alcalde de Cerceda declarou: “Demandámoslle á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a posta en marcha dunha mesa de impulso á industrialización en Cerceda, na cal participe o Instituto de Transición Xusta, o Concello de Cerceda, axentes económicos e sociais. É urxente amosar ese compromiso co noso municipio sempre, non só un mes cada catro anos. Estamos nunha zona con idiosincrasia, recursos e localización extraordinarios, ante o que non imos admitir que se nos dea un trato de segunda, do cal sen dúbida os cidadáns tomarán boa nota. É hora de que todos arrimemos o ombreiro en favor do emprego e do desenvolvemento económico”.
Segundo Rodríguez, A Xunta ten un papel fundamental polas súas competencias e non pode obviar a situación do Concello de Cerceda: “Agardamos do ente autonómico un carácter constantemente integrador e incentivador, que creo que é o que a xente agarda das institucións e dende o cal a Xunta de Galicia pode desenvolver un papel fundamental”.
Valorou positivamente a declaración de proxecto industrial estratéxico da planta de hidróxeno verde de Naturgy, Reganosa e Repsol, así como os 15 millóns de euros consignados para a mesma por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Con todo, aseverou que “é necesaria unha maior concreción con respecto á tramitación e os prazos dos proxectos industriais dos que se ven falando, os cales hai que englobar como un todo no cal teñan voz os actores públicos e privados, deixando a un lado os anuncios puntuais e inconexos que dan a ver unha visión moi pobre en canto a estratexia industrial para o territorio. Unha mesa de impulso á industrialización é un bo modo de favorecer ese labor”.