O alcalde de Cerceda recibe o remate dos traballos na AC-523


O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; os concelleiros Francisco Boquete e Ángel Gestal, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitaron o resultado dos traballos na AC-523, onde se acometeron fresados nos treitos que transcorren entre os municipios da Laracha e Cerceda, con reposicións do firme de 5 centímetros, ademais dunha nova capa de rodadura en todo o ancho da calzada.

As intervencións, enmarcadas no Plan de reforzos do firme impulsados polo goberno autonómico, consisten na rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioro.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu os traballos como “un importante resultado en materia de infraestruturas”, xa que esta estrada “é moi importante a nivel de comunicacións no noso muncipio”, advertiu. Tamén subliñou a posibilidade de plantexar “nun futuro” algunha actuación estrutural, xa que é unha vía de moito tránsito, polo que “haberá que estudiar a viabilidade de contemplar, por exemplo, posibles desdobramentos”, insistiu.

Rodríguez lembrou tamén que existen varios compromisos pendentes a nivel de infraestruturas por parte da Xunta de Galicia “da senda peonil en Xesteda na AC-413, con máis dun quilómetro de extensión”, e de xeito engadido tamén “un interese para arranxar a estrada da Areosa”, onde se traballa entre varias administracións, sendo “de grande interese económico”.