O alcalde de Malpica agradece o apoio da Deputación á Mostra da Olería de Buño

1 minutes read

O alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, agradeceu este luns o apoio da Deputación para facer que a 36ª edición da Feira da Olería de Buño fose un éxito e batera o seu récord de visitantes diarios este ano.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o rexedor malpicán asinaron o convenio que articula a colaboración económica da institución provincial con este evento, «unha das grandes referencias da artesanía coruñesa e galega, porque Buño é sinónimo de tradición oleira», segundo afirmou o presidente provincial.

Walter Pardo apuntou que os 80.000 euros destinados este ano pola Deputación á organización do evento, que se celebrou do 1 ao 4 de agosto en Buño, contribuíron ao éxito dunha Mostra que concentrou máis de 7.000 visitantes nunha soa fin de semana na localidade, unha afluencia moi importante en comparación con outros anos, nos que a Mostra se estendía durante máis días.

O alcalde trasladou tamén ao presidente provincial a satisfacción coas vendas rexistradas tanto dos artesáns coma dos hostaleiros da zona, cun impacto económico de arredor de 100.000 euros nos catro días de duración da Mostra, segundo os datos da Axencia de Desenvolvemento Local.