O alcalde de Mazaricos advirte de «chantaxes para mercar terras a prezos baixos» e instalar eólicos

O Concello de Mazaricos converteuse este verán no primeiro que, formalmente, se revolveu ante a Xunta por considerar que as compensacións polos impactos dos parques eólicos no seu municipio non son dabondo. O goberno local que dirixe Juan José Blanco (BNG) calcula que a cota tributaria do canon eólico no concello supón uns 700.000 euros, pero o Fondo de Compensación Ambiental da Xunta só lle supón 200.000, cálculos que o Goberno galego non «comparte».

Con este pano de fondo o rexedor recibiu este venres os voceiros en materia de Medio Ambiente e Medio Rural da súa formación no Parlamento, Luís Bará e Xosé Luís Rivas, para compartir a súa reclamación e acrecentalas con outra advertencia. Para o alcalde, o xeito en que as promotoras dos parques eólicos logran os terreos roza a «chantaxe», asegura.

Dende o punto de vista do alcalde de Mazaricos, «as empresas utilizan a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos e maximizar beneficios» dos novos parques. O consistorio, di, manexa datos segundo os cales os 120 muíños instalados no termo municipal «xeran máis de 30 millóns de euros anuais e mentres, concello e propietarios das terras reciben auténticas migallas».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha