- As reivindicacións céntranse nas deficiencias na atención primaria e pediatría na localidade, así como a situación do secadoiro de congro
O alcalde de Muxía, Iago Toba, reuniuse este martes co voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, e a vicevoceira Begoña Rodríguez Rumbo, para explicar as demandas que o goberno local leva solicitado á Xunta de Galicia «dende hai tempo, sen que polo momento haxa ningún tipo de resposta nin avance», afirmou o rexedor.
As reivindicacions vertébranse sobre tres eixos: o sanitario, o da pesca e o das infraestruturas. Desde o equipo de goberno muxián deixaron claras as deficiencias que existen en canto á atención primaria e pediatría na localidade, así como a súa preocupación pola situación do secadoiro de congro e diferentes actuacións de mellora no sistema de abastecemento de auga na vila.
Tanto Luís Álvarez como Begoña Rodríguez comunicaron ao alcalde que se presentarán varias iniciativas parlamentarias para instar á Xunta a que cumpra con Muxía.