Lois García Carballido reunirase coas asociacións culturais e deportivas beneficiadas con parte dos 60.000€ que lles foron concedidos a través do Programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades culturais durante o ano 2022. A xuntanza será este venres ás 20:00 horas no salón de plenos do Concello de Ponteceso.
As entidades poderán recibir, por primeira vez, o 50% por diantado, algo que, segundo o alcalde, “facilita a importante labor de dinamización social, cultural e deportiva que realizan”. As subvencións puntuáronse por concorrencia e con criterios predefinidos: tívose en conta a natureza das entidades (cultural, deportiva ou veciñal), a importancia e interese do seu programa cultural e dos gastos realizados en mantemento ou xestión da asociación, o número de socios ou a flexibilidade horaria; no caso das entidades deportivas tamén se tivo en conta a categoría na que compiten ou o número de modalidades que abrangue.
Estas axudas potencian os equipos con gran gasto en autobuses e aquelas con local social en propiedade, para afrontar os gastos de mantemento.