O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, renuncia ao seu soldo

2 minutes read
  • Seguirá como alcalde pero tamén traballará como profesor no instituto da localidade

O rexedor de Ponteceso, Lois García Carballido, anunciou este martes que renunciaba ao seu soldo municipal despois de solicitar o seu reingreso no instituto da localidade.

«Estiven 9 anos na política local sen cobrar do Concello, tres deles de Alcalde. Mentres, Pose Verdes cobraba un soldo de tenente Alcalde, que empalmou logo coa súa xubilación» destacou Carballido no seu comunicado, onde ademais afirmou que » a miña muller máis eu somos profesores de inglés no instituto local, por oposición, e afortunadamente non necesitamos os ingresos do Concello”.

O dirixente do municipio explica que estes nove anos “de compromiso absoluto cos veciños e veciñas de Ponteceso” tiveron como recompensa unha maioría do PSOE, “gañando en todas as mesas electorais”. “No último tramo da lexislatura, o Concello colleu un grande impulso con melloras en infraestruturas, deportes, cultura e turismo”, engade.

A redución do soldo do alcalde leva un tempo no punto de mira debido á moción presentada por APIN, grupo da oposición de Ponteceso, que finalmente saíu adiante e abriu unha brecha no partido socialista. A proposta defendida por José Manuel Pose Verdes contou co apoio de dous concelleiros do PP, dous de APIN e cinco do PSOE. En relación a isto, o alcalde aclara que son os concelleiros e concelleiras que votaron a favor “os que teñen que explicar os motivos” xa que “quitarme o soldo non prexudica ao alcalde, senón ao Concello”.

Carballido agradece os ánimos recibidos e anima ás persoas que teñen un proxecto diferente «a que o expoñan, que nomeen un líder e que busquen o apoio da xente”. Aínda así, sinalou que seguirá como alcalde e que as iniciativas que sexan para mellorar o Concello «van contar co meu respaldo, e espero tamén contar co respaldo de toda a Corporación, para facer do noso Concello un modelo de benestar e desenvolvemento”.