O alcalde de Ponteceso sinte que o concello está sendo maltratado por Industria nestas inundacións

PIXABAY

  • Os veciños de Ponteceso están indignados por levar máis de dez horas sen luz

Despois de máis de dez horas sen subministro eléctrico, en Ponteceso aumenta a indignación veciñal pola falta de servizo nunha xornada marcada polas inundacións. “Nun día de inundacións, cos veciños do centro achicando auga, Naturgy non pode castigarnos 12 horas sen luz”, denuncia o alcalde, Lois García Carballido, que anuncia unha queixa oficial do Concello de Ponteceso ante a Consellería de Industria “polo maltrato ao noso concello”.

Desde o concello animan a todas as persoas afectadas a presentar reclamacións á empresa subministradora polas importantes perdas que supón a falta de luz, pero, sobre todo, polos danos materiais tan cuantiosos que está a provocar a auga por non poder utilizar bombas de achique.

O alcalde púxose en contacto co responsable de Naturgy para pedirlle explicacións. Segundo indicou o representante da empresa, producíronse dúas avarías en dúas liñas, e os traballos para reparalas continúan a esta hora, pasadas as 18.00 horas, sen solución.

O Concello de Ponteceso está a recibir numerosas queixas da veciñanza, que cualifica a situación como “terceiromundista”. Ademais das perdas económicas, debido ás avarías eléctricas tampouco funciona a telefonía de R. Para evitar que os veciños queden incomunicados por non poder cargar as baterías dos seus móbiles, o concello mantén as portas abertas da Casa Consistorial para as persoas que precisen recargalos.