O alcalde de Santa Comba nega que Euro Battery poida extraer minerais en Castriz

3 minutes read

O alcalde de Santa Comba, David Barbeira, reuniuse co Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Innovación, Isidoro Martínez Arca, solicitando un exhaustivo informe por parte Xunta de Galicia sobre a situación, realidade e legalidade do denominado “Proxecto Corcel”, ante a crecente inquedanza dos veciños da zona e pedindo, de ser o caso de que a compañía infrinxira ás leis, se depuren responsabilidades e se paralicen estes movementos especulativos.

O Concello de Santa Comba quere saír ao paso das constantes novas xeradas desde premisas falsas fundamentalmente desde a multinacional sueca Euro Battery Minerals AB nas que se alude á inmediatez de explotación de minerais coma o níquel, cobre e cobalto na zona da Braña da Serra, na parroquia xalleira de Castriz. Esta pasada fin de semana, a compañía afirmaba que “podía iniciar con carácter inmediato a actividade mineira en Castriz”, algo que á vista da legalidade vixente é totalmente falso. Do mesmo xeito, esta entidade municipal tampouco ten ningún tipo de constancia oficial de solicitudes de permisos de investigación sobre este tipo de minerais nos espazos que difunde a compañía sueca. “Desde o Concello de Santa Comba queremos salientar que non se ten recibido nin rexistrado ningunha solicitude por parte desta compañía, nin para investigar, nin moito menos para explotar nada, en Castriz nin en ningún outro territorio xalleiro; polo que solicitamos axuda á Xunta de Galicia para que aclare, e de ser o caso, nos respalde para evitar ilegalidades en procesos mineiros que poidan carecer de permisos e perxudiquen á poboación e territorio xalleiro, e tamén a iniciativas do mesmo ámbito pero que estean dentro da legalidade vixente, e que conten con todo tipo de permisos”.

Na xuntanza entre o alcalde de Santa Comba David Barbeira e o Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Innovación, Isidoro Martínez Arca, o primeiro edil xalleiro trasladoulle a preocupación diante da alarma xerada e constatando que Euro Battery AB segue “vendendo” a potenciais inversores un produto en forma de investigacións e explotación que pode atentar contra a normativa. Martínez Arca compartiu esta preocupación por parte do seu Departamento e ofreceuse a colaborar, documentar e amparar por escrito ao Concello de Santa Comba para poder actuar contra este “Proxecto Corcel”, que ademais pode perxudicar a realidade de proxectos serios de minería sostible que se están a levar a cabo en Galicia, e dos que hai claros exemplos en comarcas próximas á Terra do Xallas.

En datas próximas, o Concello xalleiro contará con toda a documentación que lle poida aportar a Consellería e seguirá cos contactos coa Xunta de Galicia para amparar os dereitos dos veciños e poder deter con fundamentos as especulacións promovidas por un tipo de minaría “ocultista” que xurden periodicamente na búsqueda de inversionistas por parte de compañías de dudosa capacidade. O Concello de Santa Comba é plenamente consciente do potencial xeolóxico e mineral destas terras, non só na actualidade, senón que é un potencial milenario. Este ámbito do Sector Primario de Galicia, a minaría, foi o motor económico desta terra durante décadas nun pasado reciente, e incluso nun máis lonxano. Eso sí, somos conscientes da evolución que debe de ter o sector, indo cara proxectos sostibles no ámbito medioambiental e na súa relación co entorno e os seus poboadores, quedando claro que as actuacións deben de ser serias e medidas, e que se alonxen de ilegalidades de calquera tipo, e sobre todo, que alimenten a desconfianza da veciñanza diante dun sector que ben enfocado, pode convivir en armonía con outros sectores económicos puxantes neste territorio e en Galicia.

Fonte.-SANTA COMBA Info+