O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este mércores unha xuntanza de traballo reunión cos representantes dos sindicatos UGT, CCOO e CIG para abordar a reconstrución social e económica pola pandemia do Covid-19.
Caballero explicou en rolda de prensa que a reunión chegaba despois dunha primeira xuntanza a pasada semana cos empresarios. Así, o rexedor tivo unha vídeo conferencia con Ernesto Fontanes (UGT), Amelia Pérez (CCOO) e Alberto Gonçalves (CIG) como responsables das tres grandes centrais sindicais existentes en Vigo.
“Foi moi satisfactoria e houbo moita sintonía, compartimos o ámbito global para enfocar a acción e coincidimos en que hai que dedicar os esforzos á política social, aos que máis sofren a pandemia, para o que reiterei que o Concello ten limite orzamentario”, sinalou.
Na xuntanza tamén se tratou a necesidade de manter o investimento público e a utilización do superávit en atención á cidade, á acción social e á económica. “Temos a incerteza de cando vai a regresar o comercio de proximidade e tamén centreime no mundo da cultura, que está nun momento complicado”, engadiu Caballero.
Alcalde e sindicatos tamén coincidiron en que é necesario extremar as medidas de seguridade e acelerar os pago aos traballadores que están inmersos en expedientes de regulación. “Quero marchar tamén da man dos sindicatos, coñecen ben a situación da cidade e necesario que os ERTEs se abonen con prontitude, temos que buscar un sistema”, apuntou.
O rexedor solicitou aos representantes sindicais a que fagan chegar as súas propostas ao concelleiro de Emprego, Abel Losada, para ter unha relación fluída e emprazou a todos a unha nova reunión en paralelo coas xuntanzas cos empresarios.