O alcalde de Vigo censura que a Xunta cambie a composición do Padroado do Ifevi

1 minutes read

Abel Caballero apuntou que ata agora o Padroado do Ifevi «xestionábase desde o acordo das institucións representadas. Funcionaba ben, era un bo sistema e nunca houbo problemas de xestión, pero a Xunta cámbiao», lamentou, cando obtiña «resultados positivos e autofinanciábase».

Tal e como expuxo Caballero, ata o cambio aplicado pola Xunta de Galicia coa Lei 4/21 de acompañamento aos Orzamentos, o Padroado do Ifevi estaba presidido pola Xunta e contaba cun representante do Concello, outro da Confederación de Empresarios, da Cámara de Comercio, da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade de Vigo. En cambio, agora terá 15 membros e a Xunta 10, por tanto, «que facemos os restantes; para que imos estar alí se a Xunta manda?».

O alcalde de Vigo salienta a importancia de que a xestión do Ifevi estea en Vigo, na cidade, cos votos das entidades asentadas na cidade: a Cámara de Comercio, o Concello, a Confederación de Empresarios… censurando que agora a xestión se leve desde Santiago: «a Xunta non quería iso, quería o mando total, en lugar de descentralizar, absorbe».