O alcalde de Vigo inaugura a nova e “excepcional” Praza da Miñoca


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, percorreu as diferentes zonas da praza acompañado de edís do goberno municipal e da veciñanza a que agradeceu a colaboración porque o novo espazo, dixo, é “froito do traballo colectivo coa Asociación de Veciños da Miñoca”, representada, entre outros, pola súa presidenta, Elena Losada.

Tal e como explicou, o obxectivo era naturalizar o espazo, cun deseño de xardíns integrados nos estanques e canalizacións de auga, no que se creou un río artificial, que se chamará Lagares II, no que se dispuxo o terreo en bancais, dada a elevada pendente do espazo que chega a acadar o 10%, e con plantacións arbóreas: cerdeiras e árbores xaponesas ata un total de 160 árbores novas.

O goberno municipal ampliou o parque infantil ata os 2.000 m² (zonas de area, caucho e céspede) con zona de ramplas que parten dunha especie de zona de cráter, unha bancada multifuncional onde hoxe actuou un grupo de baile moderno, un perímetro formado por carril bici e bulevar, con aparellos biosaudables e zona de parkour.

Amais, a remodelación inclúe novas redes de abastecemento, canalizacións eléctricas e rede pluviais, a reparación do empedrado existente, nova iluminación con maior calidade e aforro enerxético e iluminación específica para os elementos escultóricos existentes.

No marco da obra do Concello reparouse o recubrimento da escultura da miñoca, recolocou os bancos de pedra, instalou fontes, papeleiras e pasarelas de madeira laminada e recupera a toponimia de Coia no nomeamento das diferentes zonas do parque.