Durante a visita ás obras de ampliación da Estación Potabilizadora de Auga de Vigo, Abel Caballero avanzou que a previsión municipal é que estea en funcionamento o vindeiro outono.
Cun orzamento de 22,8 millóns de euros, “a obra marcha extraordinariamente ben” malia presentar unha “enorme complexidade técnica tanto pola tecnoloxía empregada como pola necesidade de compatibilizar o uso entre a nova e a vella potabilizadora durante o desenvolvemento da obra. Segundo explicou o rexedor, a previsión é que o novo sistema estea en probas o vindeiro mes de abril, de xeito que no outono de 2023 a potabilizadora estará en funcionamento.
O alcalde visitou este xoves o edificio de reactivos de depuración, de tres plantas, cun novo sistema de filtros de altísima tecnoloxía que permitirá a “ultrafiltración” que dará como resultado “unha auga potabilizada de elevadísima calidade”. O sistema permite detectar “ínfimas partículas” na auga polo que se ve incrementada a capacidade de depuración do sistema. Amais desenvolveranse as obras de rehabilitación do edificio do laboratorio ambiental e a urbanización da parcela coa adecuación dos espazos á nova instalación.
O custo da obra, tal e como explicou Caballero, non se repercutirá na cidadanía porque non subirá o recibo da auga.