- Piden ser considerados un servizo esencial para que se lles aplique de novo o IVE reducido do 10%
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, reuniuse este mércores con representantes dos sectores da perruquería e salóns de estética para coñecer de primeira man as súas necesidades e problemas con motivo da crise económica derivada da pandemia.
A presidenta de ECIPA (Asociación Estilistas Coruñeses), Asunción Catoira; a coordinadora da Plataforma Peluqueros Unidos de España, Irina Salgado; e o representante do sector no concello da Laracha, Jesús Vázquez, trasladáronlle ao rexedor a importancia de dar visibilidade á función social que realiza o colectivo. Tamén explicaron o momento de incerteza que vive o sector ao estar excluído de gran parte das convocatorias de axudas públicas, e reivindicaron a necesidade de consideralo un servizo esencial para poder volver aplicarlle o IVE reducido do 10% (actualmente está no 21%).
López Varela mostroulles o apoio do Concello e comprometeuse a secundar as accións que realice o sector para paliar estes problemas.