O alumnado do Obradoiro de Emprego VI da Laracha comeza a súa formación práctica

Cedida

  • A especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes comezou os traballos de acondicionamento dunha parcela municipal

O Obradoiro de Emprego A Laracha VI xa completou o primeiro mes e medio de actividade centrada, prioritariamente, na formación teórica. Agora poñerán en práctica os seus coñecementos en diversos puntos do Concello.

Este luns, a especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes comezou os traballos de acondicionamento dunha ampla parcela municipal, situada xunto ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, desprazáronse ata ese lugar para manter un encontro tanto co alumnado como coa directora e o mestre. Nos próximos meses os traballadores centraranse en diversas intervencións na zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial e a área recreativa de Gabenlle, onde poñerán en valor os espazos públicos repoboándoos de árbores e vexetación autóctona e dotándoos con mobiliario urbano.

A especialidade de carpintería e moble tamén comezou a aprendizaxe teórica, pero neste caso traballando no taller habilitado polo Concello nun dos edificios municipais do parque empresarial. Os proxectos que executarán son a mellora do paseo fluvial do Anllóns, a renovación do mobiliario urbano e a creación dun novo peche perimetral da parcela do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha