- O 4 de decembro acenderase para ambientar unhas festas marcadas pola Covid-19
O coronavirus chegou para quedarse, polo menos durante unha longa tempada. Adecuarnos ás novas situacións debe ser unha prioridade, e desde o Concello de Carballo cren que, a pesares dos duros meses que nos agardan, desde as administracións hai que posibilitar que os veciños desfruten do Nadal e manteñan vivo o espírito do mesmo.
Así, e para «ambientar unhas festas marcadas pola Covid-19», o goberno local xa comezou a decorar varias rúas carballesas co alumeado de Nadal para «contribuír á dinamización da actividade económica». O acendido realizarase o próximo venres 4 de decembro.
Tanto dende a empresa contratada coma dende o Concello considerouse que era importante anticiparse tanto ao incremento da demanda que adoita rexistrarse ás portas do mes de decembro como a calquera imprevisto relacionado coa incidencia do coronavirus que puidese xurdir nas vindeiras semanas.
Como é habitual, o alumeado de Nadal estará especialmente presente nas zonas máis comerciais, apoiando deste xeito unha actividade fundamental para a economía local. Nesa liña enmárcase tamén a iniciativa “Sempre Carballo”, que supera xa as 15.000 solicitudes e que, precisamente, rematará o 30 de novembro a petición das asociacións de empresarios para non interferir na campaña de Nadal.