O alumnado de 4º da ESO do IES de Baio foi galardoado na segunda edición do concurso #ParqueVibras

2 minutes read

O alumnado de 4º da ESO do IES Maximino Romero de Lema foi galardoado na segunda edición do concurso #ParqueVibras, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, co premio á mellor peza audiovisual co traballo “O monte Aloia”.
O recoñecemento foi entregado pola Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, nunha gala celebrada no Concello de Castrelo de Miño (Ourense), destacando o compromiso dos mozos e mozas coa conservación do medio ambiente galego. A esta gala asistiron alumnos de 4ºESO (Grupo Ecoaventureiros) acompañados da profesora que cordinou o proxecto, Fina Paulos Lareo, da materia de Intelixencia Artificial para a sociedade.
O certame #ParqueVibras ten como obxectivo achegar os Parques Naturais de Galicia ao alumnado de secundaria, fomentando a súa sensibilización a través da creación de contido para redes sociais como Instagram, TikTok ou YouTube. O alumnado de 4º da ESO do noso instituto participou cun vídeo orixinal, realizado integramente en lingua galega, no que se converteron en «influencers» do patrimonio natural para reivindicar a protección destes espazos protexidos.
Como premio a este esforzo e á calidade do seu traballo, a clase completa do IES Maximino Romero de Lema disfrutará dunha excursión a un dos seis parques naturais de Galicia. Esta saída permitirá ao alumnado coñecer de primeira man a riqueza biolóxica e a maxia de enclaves como as Fragas do Eume, o Complexo dunar de Corrubedo, o Monte Aloia, a Baixa Limia – Serra do Xurés, etc.
Desde a organización do concurso salientouse a importancia de que a mocidade se implique de xeito activo na divulgación da riqueza natural de Galicia, empregando ferramentas dixitais para facer chegar a mensaxe de conservación a un público máis amplo.
O concurso #ParqueVibras é un certame autonómico dirixido a estudantes de 3º e 4º da ESO en Galicia. Na súa segunda edición, consolídase como unha ferramenta educativa clave para o alumnado galego, unindo creatividade, tecnoloxía e amor pola natureza para garantir o futuro do noso patrimonio ambiental.