O alumnado de Infantil do CEIP Xesús San Luís Romero cambia os zapatos por zapatillas

2 minutes read
  • A colaboración entre o Concello e o colexio fixo posible a renovación dos solos nas tres aulas de Infantil
  • Ademais:novos obradoiros no Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Tarima renovada, e vestuario tamén. No CEIP Xesús San Luís Romero modernizáronse tomando exemplo de Finlandia, onde as escolas son espazos sen zapatos. Grazas á colaboración entre a Concellaría de Educación e o cole, as tres aulas de Infantil dispoñen agora de solos de tarima flotante, moito máis acolledores e cálidos. O claustro presentou a proposta ás familias e a acollida foi moi boa. Agora cada escolar ten as súas zapatillas no cole e cambia o calzado ao chegar.

Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse ata o San Luís Romero para ver como quedaron as aulas de Infantil. Ademais do solo, tamén se revestiu a parte de abaixo da parede con tarima, o que reforza a calidez do espazo. Profesorado e conserxe puxeron tamén mans á obra e pintaron as aulas, e agora só están pendentes algúns detalles de acabado e a colocación de mobiliario, que tamén se renovará.

Novos obradoiros no Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Esta semana empezou o curso para 47 nenos e nenas no Horto Infantil Ecolóxico Municipal. No obradoiro de martes e venres quedan 3 prazas vacantes, polo que as familias interesadas poden presentar solicitude descargando e cubrindo este impreso.

Ademais, o Horto Infantil Ecolóxico Municipal mantén abertas as inscricións en agarda, o que permitirá cubrir as posibles baixas.

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica para poñer aos nenos e nenas en contacto coa natureza e a terra, poñer a disposición das familias unha ferramenta de apoio ao labor educador e formativo dos centros de ensino e converterse nun laboratorio de novas ideas e técnicas que fomenten o espírito emprendedor dende a infancia.