- Con esta campaña preténdese axudar ás familias nos gastos derivados deste tipo de protección, e fomentar desde a infancia a loita contra as desigualdades
A Concellaría de Igualdade e Benestar de Carballo iniciou esta semana a distribución de máis de 2.500 mascarillas -homologadas, reutilizables e fabricadas en Carballo- entre todo o alumnado de infantil e primaria.
Con esta iniciativa búscase un dobre obxectivo social: reducir o gasto que teñen que realizar as familias para poder dotar aos nenos da protección necesaria fronte á Covid-19, e utilizar un elemento tan visible para difundir mensaxes que permitan crear conciencia contra as desigualdades xa dende a infancia.
Estas novas máscaras contan co lema Construíndo igualdade, xunto con dúas pezas de crebacabezas. A primeira entregoulla este venres o alcalde, Evencio Ferrero, ao piloto de motocross Daniel Díaz Rama, durante a recepción que lle ofreceu despois de que se proclamase campión de Castela e León na categoría alevín.
Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar lembran que está a disposición da veciñanza o teléfono 981 704 706 para facer constancia, de forma confidencial, de calquera situación de necesidade.