O alumnado de Ponteceso toma a radio como ferramenta en defensa da xustiza social

1 minutes read

O alumnado de 3º da ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso traballa como un equipo de xornalismo radiofónico e grava estes días podcast para loitar contra o machismo, o discurso de odio contra o colectivo LGBTIQ+, a xenofobia e os abusos ambientais no marco do proxecto Activistas polo mundo queremos.

● As vindeiras citas son:

  • luns 16 de marzo, de 12.20 a 14.00 horas e de 16.15 a 17.55 horas
  • martes 17 de marzo, de 9.20 a 11.00 horas e de 11.30 a 13.10 horas

En obradoiros anteriores, a mocidade achegouse á figura da persoa activista e reflexionou sobre o poder transformador da radio. Nesta ocasión, exerce como xornalista e investiga, redacta e grava reportaxes para lograr unha auténtica transformación social.
As e os estudantes de Ponteceso súmanse aos case 300 adolescentes que dende Ames, Muxía e Moaña participan este ano na 13ª edición de Activistas polo mundo queremos, un proxecto de Educación para a Cidadanía Global que chegou a máis de 5.000 dende 2013.
O programa forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.