O alumnado de primaria de Carballo retomou o programa de visitas guiadas ás instalacións do ciclo da auga

2 minutes read

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Medio Ambiente e en colaboración coa empresa concesionaria Gestagua, retomou un ano máis o programa de visitas guiadas ás instalacións do ciclo da auga. O obxectivo é que o alumnado de primaria coñeza de primeira man o complexo proceso técnico que permite que a auga faga a viaxe desde o río ata as billas dos seus fogares.

As visitas comezaron cos nenos e nenas de 1º e 2º de primaria do CRA Ponte da Pedra. O profesorado destacou a importancia deste tipo de iniciativas para que a rapazada sexa consciente de todo o proceso da auga desde a captación no río Bardoso, que foi a primeira parada, ata que volvemos devolvela ao río xa depurada na EDAR da Cepeira, onde rematou a visita.

Esta iniciativa, que xa tivo moi boa acollida en edicións anteriores, estenderase durante as vindeiras semanas. As próximas citas confirmadas son o 22 de maio co CPR Artai e o 1 de xuño co CEIP Plurilingüe A Cristina, pero aínda poden sumarse os centros interesados, tanto de primaria coma de secundaria.

Un recurso escaso e vital

Á visita deste xoves tamén se sumaron o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Medio Ambiente, Miguel Vales. Este último destacou a importancia de facer visible o traballo que hai detrás dun xesto tan cotián como abrir a billa. “Queremos concienciar á veciñanza, empezando polos máis pequenos, sobre o uso eficiente da auga. É un recurso escaso e a xestión sostible é fundamental para protexer o noso contorno”, sinalou.

Carlos Berroy, director de operacións de Gestagua en Carballo, actuou como guía para explicar os detalles técnicos á rapazada.

Estas visitas forman parte dun calendario de sensibilización que se desenvolve entre dúas datas clave: o Día Mundial da Auga (22 de marzo) e o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño). Precisamente, con motivo desta última efeméride, o Concello de Carballo está a ultimar un programa de actividades para todas as idades que se dará a coñecer nos vindeiros días e que reforzará a aposta do municipio pola sustentabilidade e o coidado dos recursos naturais.