O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio recibe dous premios en Argallando.gal

1 minutes read

O alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Maximino Romero de Lema, coordinados por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, coa colaboración de Francisco Velo Quintela, vén de ser recoñecido na plataforma Argallando.gal polos seus proxectos innovadores que combinan tecnoloxía e tradición, “Namórate do rural” e “O Cabazo da memoria”.

O proxecto “Namórate do rural”, desenvolto polo alumnado de Educación Dixital, foi galardoado na categoría Serea. A iniciativa recolleu lendas, contos e relatos da tradición oral da Costa da Morte, que foron xeolocalizados e dixitalizados, permitindo así conservar e difundir o patrimonio inmaterial da comarca mediante ferramentas tecnolóxicas actuais.

Pola súa banda, “O Cabazo da memoria”, impulsado desde a materia de Intelixencia Artificial para a sociedade, foi premiado na categoría Árbore senlleira. Neste proxecto, o alumnado fixo uso dos Polos Creativos e das posibilidades da intelixencia artificial para animar fotografías antigas e darlles voz a través da radio, poñendo en valor a memoria colectiva e o vínculo co territorio.

Estes recoñecementos poñen en evidencia o compromiso do centro co aprendizaxe baseado en proxectos e co uso responsable e creativo das novas tecnoloxías, achegando ao alumnado á realidade do seu entorno e á importancia de preservar as súas raíces culturais.