O amor por Carballo volve outro ano máis cunha imaxe renovada

2 minutes read
  • Este luns presentouse a campaña ‘Eu quero Carballo’ co obxectivo de fomentar o orgullo de vivir no municipio

Este 14 de febreiro celebrouse o día de San Valentín, o día do amor, pero tamén foi a xornada elixida por cuarto ano consecutivo para presentar a campaña ‘Eu quero Carballo‘, unha iniciativa transversal que implica a todas áreas do goberno local co obxectivo de «trasladar unha imaxe do noso concello en positivo, promovendo prácticas cidadás cotiás que contribúen a mellorar o noso territorio e fomentando o orgullo de ser de Carballo e de vivir neste concello», sinalaron desde o goberno local.

A novidade deste ano é que o corazón vermello que ata o de agora se integraba no propio lema da campaña, en referencia ao famoso ‘I love NY’, será parte do propio nome do concello substituíndo á vogal o. Ademais, complementarase cun skyline conformado por unha selección dos edificios máis emblemáticos da localidade debuxados polo funcionario municipal Xaime Díaz, autor tamén do calendario do 2022 e dunha próxima guía de arquitectura que chegará acompañada dunha exposición.

Esta nova imaxe de Carballo estenderase a través de diferentes vías. Unha delas é co reparto de adhesivos para comercio, hostalería e vehículo co lema actualizado e que poderá recollerse de xeito gratuíto na biblioteca Rego da Balsa. Outra opción é un marcapáxinas con tres versións do skyline que serán distribuídos polos centros educativos nos próximos días.

Nesta campaña tamén participa a área de Igualdade e Benestar, dirixida por Maica Ures. A edila destacou que segue adiante a iniciativa de agasallar a aqueles nenos nados ou inscritos no concello, pero cun cambio. Se ata o de agora os pequenos recibían un carballo para plantar, esta vez conseguirán un xabón especial e natural elaborado polos usuarios da asociación Íntegro.

O alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu a implicación de todos os participantes agardando, sobre todo, que «a xente se identifique con esta campaña e que teña tan boa acollida coma as anteriores».