O ano 2019 finaliza con 1.098 mortos nas estradas, a cifra máis baixa desde que hai rexistros

2 minutes read
  • Marlaska ve unha “incidencia positiva” da redución do límite de velocidade a 90 km/h nas estradas convencionais

O 2019 terminou con 1.098 vítimas mortais en accidentes de tráfico nas estradas, noventa menos que en 2018, o que supón a cifra máis baixa da historia desde que se comezaron a rexistrar os datos en 1960, segundo o Balance de seguridade viaria 2019 presentado polo ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, e o director da DXT, Pere Navarro.

Segundo Grande- Marlaska, unha “incidencia positiva” nestes datos foi a redución do límite de velocidade de 100 a 90 km/h nas estradas convencionais, xa que nestes tramos o número de mortes baixou un 9,5% (800 fronte aos 884 de 2018).

Durante o ano 2019 producíronse nas vías interurbanas 1.007 accidentes mortais, nos que faleceron 1.098 persoas e outras 4.395 requiriron ingreso hospitalario, o que supón un descenso dun 6,7% no número de accidentes (-72); un -7,6% no número de falecidos (-90) e un descenso do 3,8 % en feridos graves (-174).

Esta accidentalidade produciuse nun contexto de crecemento no que a mobilidade se refire, tanto polo número de desprazamentos de longo percorrido realizados, como polo parque de vehículos como polo censo de condutores. En 2019 os desprazamentos aumentaron un 2,5% (10,2 millóns máis), o que supón que durante o pasado ano realizáronse máis de 427 millóns de desprazamentos de longo percorrido; o parque de vehículos aumentou un 2,2%, situándonos nos 34,5 millóns de vehículos e o censo de condutores creceu un 1,3%, situándonos en 27,2 millóns de condutores.

Grande-Marlaska remarcou que houbo 37 días con 0 falecidos nas estradas, e no documento detállase que a media diaria de falecidos en accidente de tráfico foi de 3 persoas, mentres que o día de maior sinistralidade viaria foi o domingo 21 de xullo con 13 falecidos.

O ministro do Interior en funcións tamén detallou que durante o ano pasado faleceron 264 motoristas, 47 máis que o ano anterior, e morreron 40 ciclistas, catro máis que en 2018.