O antigo Centro Comarcal de Buño acollerá un coloquio-café sobre a lei da liberdade sexual


O Concello de Malpica, en colaboración co Ministerio de Igualdade e da Secretaría Xeral de Igualdade organiza este sábado ás 11:30 horas un coloquio-café para explicarlle á cidadanía os cambios e melloras que se introduciron na Lei Orgánica 10/2022 de Garantía da Liberdade Sexual.

Elisa de Soto, avogada e coach persoal e laboral será a encargada de dirixir este coloquio no salón de actos do antigo Centro Comarcal de Buño. Será unha xornada dinámica na que predominará un clima de confianza e confidencialidade que lle permitirá aos asistentes participar de maneira máis fácil, sen medo nin vergoña.

O obxectivo principal da xuntanza é involucrar máis aos veciños e veciñas no mundo das leis e xerar conciencia a través dunha linguaxe comprensible para que todo o mundo saiba que as leis non só son fontes de obrigación senón tamén de dereitos e de protección.