O Aquarium Finisterrae recibiu este luns ao seu visitante número 6 millóns desde que abriu as súas portas por primeira vez o 5 de xuño de 1999. Tratouse dun grupo de alumnos de cinco anos do CEIP de Prácticas da Coruña, cuxa clase acudiu ao museo nunha visita dentro do seu programa lectivo.
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu a recibir a tan sinalado visitante, e destacou o papel tan importante que cumpren tanto o Aquarium como o resto de Museos Científicos Coruñeses. «Desde o Concello brindamos todo o noso apoio e recoñecementos aos nosos Museos Científicos. Levan a cabo un labor primordial de divulgación entre o público de todas as idades», sinalou.
A rexedora entregoulles guías do Aquarium ao persoal docente e xoguetes ás nenas e nenos do grupo que supuxo a visita 6 millóns. Ademais, tamén lles entregou un cadro cunha alga seca nunha inscrición conmemorativa deste fito para que coloquen na súa aula. Os nenos e as nenas tamén puideron achegarse ata as piscinas exteriores e gozar coas focas.