O Concello da Coruña concedeulle ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat a distinción de Fillo Predilecto da cidade a título póstumo, xusto o día no que se cumpre o segundo aniversario da súa morte. O Palacio Municipal acolleu un acto no que estiveron presentes familiares (entre eles os seus fillos: Mercedes, María, Rosario, Andrés, Belén e María Paz), amigos, compañeiros de profesión e persoas vinculadas á obra do coruñés. Foi o neto do arquitecto, Fernando González Fernández-Albalat, quen recolleu de mans da alcaldesa a placa conmemorativa.
A declaración como fillo predilecto de Andrés Fernández-Albalat foi aprobada por unanimidade dos membros da Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña e motivada pola petición de dúas institucións que marcaron a vida do arquitecto: a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, das que Fernández-Albalat foi profesor e decano fundador, respectivamente. O Pleno municipal aprobou este nomeamento en outubro de 2020.
Fernández-Albalat achegou a arquitectura galega á modernidade e plasmou o seu pensamento en numerosos edificios da cidade, que son hoxe recoñecidos pola súa singularidade. É o caso da fábrica de Coca-Cola, o edificio Martí-Villardefrancos, os Escolapios, os Dominicos, Marineda Motor, a Hípica ou o Casino.