O Arquivo Vidal do Concello de Laxe, premio «Fotógrafo Histórico»

2 minutes read
  • O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón recolleu o premio nun acto en que participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O Arquivo Vidal foi recoñecido este mércores no Salón de Plenos da Deputación da Coruña co premio «Fotógrafo Histórico» por ser un proxecto singular e modelo para a recuperación do patrimonio fotográfico local e da historia social dos concellos. O acto estivo presidido polo vicepresidente e o deputado de Cultura da Deputación, Xosé Regueira e Xurxo Souto o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón.

Como «buque insignia da potencia cultural de Bergantiños e a Costa da Morte», definiu o vicepresidente Xosé Regueira o Arquivo Vidal de Laxe no inicio dun acto no que participaron tamén membros da familia dos fotógrafos Plácido e José Vidal, o estudoso da súa obra Xan X. Fernández Carrera e o técnico responsábel do proxecto, Joaquín Vidal. Regueira agradeceu aos fotógrafos o seu labor como cronistas dun tempo e dunha comarca e tamén «á familia que conservou o legado que grazas a iso chegou até nós e será un legado para xeracións vindeiras.

O deputado Xurxo Couto parabenizou á familia e o concello por conservar e difundir «un legado importantísimo que pode ser modelo a imitar en outros concellos que teñan vontade de recuperar a súa memoria fotográfica e local». Destacou que o Arquivo Vidal é unha crónica completa da historia social de Bergantiños e Soneira e mostra como se vivía na comarca, os episodios históricos e o transcorrer cotiá dunha veciñanza que se recoñece nas imaxes dos fotógrafos.

Recolleu o premio o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, que agradeceu o recoñecemento e destacou «o importante labor, a ilusión e o agarimo que neste proxecto depositaron non só a familia senón moitas persoas que participaron nel» e, en especial, fixo referencia ao técnico Joaquín Vidal que contribuíu de maneira destacada ao tratamento, conservación e difusión do legado.