O Asalto ao Castelo de Vimianzo, declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia

1 minutes read
  • Este ano cúmprense 25 edicións desde a primeira conmemoración desta celebración

Neste 2022 o Asalto ao Castelo de Vimianzo conmemora a 25ª edición da súa celebración, despois de non poder realizar as destes últimos anos debido á pandemia, e que mellor que maneira de festexalo que conseguindo a catalogación de Festa de Interese Turístico de Galicia.

«Moitos son os colectivos implicados en que hoxe, xoves 17 de marzo, isto sexa posible», afirmou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, tras conseguir o informe favorable por parte do Consello da Xunta de Galicia. A rexedora quixo destacar as asociacións «Cherinkas e Axvalso, a veciñanza, o equipo humano dos departamentos de Turismo e Cultura do Concello de Vimianzo e tamén á hostelería local, moi implicada no noso Asalto cos pinchos irmandiños» por dar cada ano o mellor de si mesmos e loitar por un acto que é a identidade do pobo vimiancés.

O Concello de Vimianzo remitiu a solicitude de catalogación á Xunta de Galicia en xullo do 2019, quedando rubricada tres anos despois. Isto permite que a festa poida acceder a axudas para impulsar a súa promoción e contribuir a reforzar a autenticidade de Galicia como destino.

Coñece o Asalto

O Asalto ao Castelo de Vimianzo celébrase o primeiro sábado de xullo e inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do actual.