O 26º Festival de Málaga exhibirá cinco filmes de produción galega, como son as longametraxes Sica, Matria, Honeymoon e Amigos hasta la muerte, e a curta Ulises. Estes títulos encabezan unha ampla representación do audiovisual galego no certame especializado en cine iberoamericano que se desenvolverá ata o 19 de marzo na cidade andaluza, xa que a presenza galega se completa noutros apartados do MAFIZ, o espazo dedicado á industria paralelo ao festival.
Despois do seu paso pola Berlinale, tanto Sica, dirixida por Carla Subirana e con produción de Miramemira, como Matria, de Álvaro Gago e produción de Matriuska, recalan en Málaga seleccionadas pola organización do festival e como seguinte paso na súa estratexia de promoción e distribución. As dúas competirán polas Biznagas, os tradicionais premios do encontro malagueño.
Ademais, fóra de concurso, o apartado Málaga Premiere acolle as estreas absolutas de Honeymoon, a película de Control-Z dirixida por Enrique Otero que contou con subvención á produción a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da comedia Amigos hasta la muerte, de Undodez con dirección de Javier Veiga.
Outro título galego que se presentou xa na carteleira malagueña é Ulises, de Félix Briel e producida por Gaita Films, dentro da sección oficial de curtas de ficción. No apartado Afirmando los derechos de las mujeres está tamén Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo Pérez. Pola súa banda, Les més grans, traballo procedente do Máster de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona do que é codirectora a galega Marta Codesido, forma parte do programa de curtas documentais.