- Este sábado 3 de outubro, ás 20:30 horas, terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura de Cee, a conferencia «Que tempo fará mañá? Supercomputación para predicir o que aínda non pasou» a cargo do investigador e profesor da Universidade da Coruña, Diego Andrade Canosa.
Diego Andrade Canosa é investigador en computación de altas prestacións no CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, onde traballa en como aproveitar ao máximo os supercomputadores e os aceleradores de cálculo.
Nos últimos anos centrou tamén a súa investigación na computación cuántica, especialmente en como avaliar e comparar, de forma obxectiva, o rendemento dos computadores cuánticos.
É un dos impulsores do novo Quantum Lab do CITIC, un laboratorio que combina intelixencia artificial, supercomputación e computación cuántica para abordar problemas que a informática convencional non pode resolver.
Un supercomputador é, basicamente, milleiros de procesadores traballando xuntos, e ao mesmo tempo, sobre un mesmo problema.
Grazas a esa enorme capacidade de cálculo podemos simular fenómenos moi complexos antes de que ocorran: a evolución dun lume forestal, a traxectoria dunha cicloxénese ou o camiño dun vertido de fuel no mar.
A supercomputación permíte, polo tanto, que nos anticipemos ao que aínda está por vir e tomar así, mellores decisións.
